Vigo sitúase como a terceira cidade de España na que máis aumentou o alugueiro en abril | Observatorio de Vivenda

Vigo sitúase como a terceira cidade de España na que máis aumentou o alugueiro en abril

Vigo sitúase como a terceira cidade de España na que máis aumentou o alugueiro en abril

Vigo atópase no top nacional en canto ao crecemento do prezo do alugueiro, e en abril foi a terceira cidade española onde máis aumentou. O pasado mes, o incremento medio en España foi do 2%, pero en Vigo chegou ata o 3,6%, alcanzando un novo máximo histórico, con 10,2 €/m2. Sen embargo, este prezo aínda está por debaixo da media de España, que se sitúa actualmente en 13 €/m2. 

Desde xaneiro, o ascenso é xa do 5,4 por cento na cidade olívica, constatándose un acelerón moi importante co inicio de 2024: sobre abril de 2023 crece un 7,4 por cento. E sobre o punto máis baixo da serie máis recente, que se localiza en marzo de 2016, o prezo case se duplica: de 6,8 euros aos 10,2 actuais. En A Coruña subiu un 1,1%, alcanzando os 9,9 euros o metro cadrado de alugueiro e en Pontevedra baixou un 0,5% ata os 8,2 euros. No caso de Ourense, baixou un 1,2% ata alcanzar os 7 euros por metro cadrado, e Lugo, onde sobe un 1,9% ata 7,2 euros. En todos os casos, por baixo de Vigo, que neste aspecto colocouse á altura doutras grandes cidades. 

Segundo sinala Francisco Iñareta, portavoz da web especializada Idealista, a explicación deste crecemento estaría en que “a orixe do problema non está nos prezos, senón no enorme déficit de oferta deste tipo de vivendas, o que xera tensións nos prezos... A situación esixe un reequilibrio nas relacións de propietarios e inquilinos que aflore moito produto ao mercado e permita que a situación se normalice". En relación a isto, a federación inmobiliaria lembra que as vivendas no circuíto de arrendamento están no seu número máis baixo da historia, na súa opinión por mor do desvío de pisos cara ao alugueiro vacacional e pola lei estatal de vivenda, que puxo aos propietarios en garda ao contemplar unha protección moi alta do inquilino. Segundo as súas contas, habería non máis de 300 vivendas dispoñibles na cidade, o que disparou os prezos.

Fonte.- Atlántico