A vivenda en alugueiro descendeu máis dun 50% nos últimos 4 anos en Galicia | Observatorio de Vivenda

A vivenda en alugueiro descendeu máis dun 50% nos últimos 4 anos en Galicia

A vivenda en alugueiro descendeu máis dun 50% nos últimos 4 anos en Galicia

Segundo o último informe elaborado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) sobre a evolución do mercado do alugueiro, o parque inmobiliario de pisos para o arrendamento tradicional descendeu ata as 2.780 vivendas en toda Galicia, o cal representa menos da metade respecto a xaneiro de 2020, cando eran aproximadamente 6.000 as vivendas en alugueiro dispoñibles. Se se observa a evolución máis recente, nos últimos 6 meses a oferta continúa descendendo, e a previsión para os próximos meses é que este problema continúe. 

Nas grandes cidades da provincia de A Coruña, a oferta actual de vivendas en alugueiro é moi reducida, concretamente: 350 inmobles en A Coruña (25 menos que en setembro), 90 en Ferrol (50 menos que medio ano atrás) e 175 en Santiago (unhas 30 menos que seis meses atrás). Por outro lado, na cidade de Ourense son 180 as vivendas en alugueiro dispoñibles actualmente (as mesmas que en setembro), e nas cidades de Lugo (120 pisos dispoñibles), Pontevedra (100) e Vigo (420) aumentou a oferta nos últimos seis meses en 40, 18 e 1 respectivamente.

Dende Fegein consideran que a entrada en vigor da Lei de Vivenda e a aplicación do índice de referencia para regular os prezos do alugueiro producirían un efecto maior sobre o mercado, reducindo entre un 20% e un 25% máis a oferta. Doutra banda, consideran que as vivendas baleiras (506.000 segundo o último dato do INE) non entran no mercado por falta de alicientes, debido á inseguridade xurídica que proporciona a Lei de Vivenda aos propietarios. 

Fonte.- La Voz de Galicia