A Xunta destina 3,3 M€ á urbanización residencial de Pedralonga para acoller aos afectados polas expropiacións do novo hospital público da Coruña que contará con 17 novas vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta destina 3,3 M€ á urbanización residencial de Pedralonga para acoller aos afectados polas expropiacións do novo hospital público da Coruña que contará con 17 novas vivendas

A Xunta destina 3,3 M€ á urbanización residencial de Pedralonga para acoller aos afectados polas expropiacións do novo hospital público da Coruña que contará con 17 novas vivendas

A proposta, recollida no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, reserva chan para 17 vivendas unifamiliares, zonas verdes, área comercial, aparcadoiros e un novo viario residencial con preferencia para peóns e ciclistas

A Xunta destinará 3,3 millóns de euros á urbanización residencial da zona de Pedralonga para acoller aos particulares afectados polas expropiacións necesarias para a execución do Novo Hospital Público da Coruña.  

Trátase dunha das actuacións recollidas no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, que ten como obxectivo favorecer a recolocación dos particulares expropiados pola ampliación do novo complexo sanitario. Deste xeito, ofrécese unha alternativa á mera compensación económica ao poñer á súa disposición parcelas edificables para facilitar que poidan dispoñer dunha nova vivenda. 

A urbanización residencial prevista en Pedralonga acada 29.076 m2 de superficie na zona situada entre a avenida de Pedralonga-Monserrat e a avenida da Pasaxe, ao sur dos edificios do Oncolóxico, nuns terreos de pendente suave e vistas cara á ría.  

Nesa zona proxéctase unha urbanización residencial na que terán cabida 17 novas vivendas, todas de tipoloxía unifamiliar illada, á que se reservan 6.888 m2 edificables. Así mesmo, contará con 2.936 m2 de zona verde, 70 m2 edificables de zona comercial, 2.599 m2 de equipamento público e 70 prazas de aparcadoiro, 34 de titularidade pública e 36 privadas. 

A zona articularase en torno a unha rúa de nova apertura concibida como un viario de tráfico moi lento e de residentes, en plataforma única compartida, co obxectivo de dar preferencia ao peón e aos ciclistas. 

Ademais da urbanización residencial, resérvanse dúas parcelas en Curamontes para compensar á gardería infantil e ao hostal que tamén se verán afectados polas expropiacións, de modo que poidan manter a súa actividade. 

Esta actuación en Pedralonga preservará o patrimonio histórico e cultural, así como a integración paisaxística.   

Para iso, inclúense medidas que contribuirán a mellorar a experiencia por parte dos peregrinos no trazado do Camiño Inglés a Santiago, ampliando o itinerario peonil na avenida de Pedralonga-Monserrat ata os 6 metros, con plantación de arborado ao longo do percorrido. Tamén se dotará o itinerario dun novo pavimento acorde aos valores para protexer, preservaranse as vistas sobre a ría e proxectarase unha urbanización de calidade, visible desde o itinerario. 

Fonte.- Xunta