A Xunta ofrece o seu apoio ao tecido empresarial para defender os intereses das preto de 5.000 edificacións afectadas en Galicia pola modificación da normativa estatal de costas | Observatorio de Vivenda

A Xunta ofrece o seu apoio ao tecido empresarial para defender os intereses das preto de 5.000 edificacións afectadas en Galicia pola modificación da normativa estatal de costas

A Xunta ofrece o seu apoio ao tecido empresarial para defender os intereses das preto de 5.000 edificacións afectadas en Galicia pola modificación da normativa estatal de costas

A Xunta de Galicia tendeulle hoxe a man ao tecido empresarial para colaborar e seguir defendendo os intereses de todas aquelas industrias e sectores asentados na franxa litoral da comunidade pola intención do Estado de introducir cambios substanciais na Lei de Costas do ano 2013 e que, segundo as estimacións do Goberno galego, poderían afectar a preto de 5.000 edificacións.

Hai algo máis dun ano, Galicia foi a primeira comunidade en dar a voz de alarma sobre a modificación do regulamento da Lei de Costas que quería aprobar unilateralmente o Goberno central. Naquel momento, a Xunta alertou de que os cambios previstos afectaban á duración das concesións vixentes sobre terreos localizados na franxa litoral, xeraban inseguridade xurídica e, por tanto, puñan en risco o futuro e a permanencia nas súas actuais localizacións de miles de actividades empresariais e de inmobles destinados a diferentes usos públicos e privados.

Finalmente, o Goberno deu marcha atrás e aceptou retirar a modificación do regulamento de Costas pero meses despois retomou o seu obxectivo a través da nova Lei de Cambio Climático, nestes momentos en fase de emendas. Por este motivo, a responsable autonómica esixiu a retirada do artigo 18.4 deste proxecto lexislativo, referido á duración das ocupacións da franxa de dominio público.

Así, tal e como está, o actual proxecto de Lei de Cambio Climático que modifica a normativa de Costas pon en risco a máis dun cento de empresas e outras actividades do complexo mar-industria e por iso tanto a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Mar recollerán as inquedanzas das patronais das diferentes provincias galegas e defenderán ante o Estado a necesidade de manter esa seguridade xurídica que necesitan as empresas e edificacións asentadas no litoral galego, garantindo un escenario normativo claro e preciso que permita a súa viabilidade.

Fonte | Xunta de Galicia