A Xunta recibiu xa máis de 600 solicitudes para as dúas liñas de axudas convocadas este ano en materia de rehabilitación enerxética de vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta recibiu xa máis de 600 solicitudes para as dúas liñas de axudas convocadas este ano en materia de rehabilitación enerxética de vivendas

A Xunta recibiu xa máis de 600 solicitudes para as dúas liñas de axudas convocadas este ano en materia de rehabilitación enerxética de vivendas
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo estiveron hoxe na Estrada no marco do foro #ConstruíndoFogar
  • Convocaranse tamén subvencións por máis de 1,5 M€ dirixidas a mozos que compren a súa vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, un programa ao que poden optar os veciños de 6 concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes
  • Ángeles Vázquez lembra que os municipios da Estrada, Dozón, Lalín, Silleda e Rodeiro forman parte da Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, polo que os seus veciños terán acceso a subvencións de ata 25.000 € para recuperar inmobles
  • Anima a todos os asistentes a aproveitar a oportunidade única que ofrece a trintena de incentivos que se publicarán ao longo de 2022 para actuacións no eido residencial

 

A Xunta de Galicia recibiu xa máis de 600 solicitudes para acollerse ás dúas liñas de axudas convocadas no que vai de ano para financiar actuacións de rehabilitación enerxética en vivendas e edificios. Trátanse do PREE 5000, con incentivos que poden chegar a cubrir a totalidade da obra e que terá que garantir un aforro enerxético mínimo dun 30%, e do programa a nivel de vivenda, que ofrece axudas de ata 3.000 euros, principalmente para cambio de ventás.

Así o subliñou hoxe na Estrada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións que se convocarán ao longo de 2022 en materia de vivenda.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e ante máis de 80 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas e veciños dos oito concellos das comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, Ángeles Vázquez subliñou a oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que porá á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Así, a responsable autonómica aproveitou a ocasión para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios no conxunto de Galicia.

En concreto e tendo en conta aqueles programas que poden espertar un maior interese nos municipios da zona, subliñou que o seu departamento destinará este ano máis de 1,5 millóns de euros a unha liña de axudas dirixida a os menores de 35 anos que opten por mercar a súa vivenda habitual nun concello de menos de 10.000 habitantes.
Con esta medida, que prevé incentivos de ata 10.800 euros, búscase favorecer o asentamento da mocidade no rural e será de aplicación en seis dos oito concellos do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes: Agolada, Dozón, Forcarei, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces.

Así mesmo, no eido da rehabilitación, Ángeles Vázquez lembrou tamén que por esta zona discorren dous itinerarios xacobeos: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Neste sentido, explicou que os propietarios de inmobles localizados dentro da Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, unha das tres de carácter supramunicipal que xestiona a Xunta de forma directa, poden solicitar xa axudas de ata 25.000 euros para rehabilitar as súas vivendas e edificios nos concellos da Estrada, Dozón, Lalín, Silleda e Rodeiro.

De feito, ao abeiro da convocatoria do ano pasado concedéronse na zona 7 subvencións por 50.000 euros, catro en Lalín e as outras tres en Silleda, polo que animou aos veciños a informarse sobre estes incentivos e solicitalos antes do 30 de setembro.

Axudas para mellorar a accesibilidade, alugueiro e compra de vivenda

Durante a súa intervención no foro, a conselleira convidou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas ao que poderán optar en 2022 tanto para reformar inmobles, como para mercar ou alugar a súa vivenda habitual, actuacións coas que contribuirán tamén a dinamizar o mercado residencial e a economía de ambas comarcas.

Así, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías das axudas e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

En concreto e ademais das dúas liñas xa mencionadas e con prazo de solicitude aberto, haberá outros incentivos á rehabilitación residencial como as subvencións para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais, que se convocarán proximamente e ofrecerán axudas de ata 21.000 € a particulares, administracións e empresas públicas.

No eido do arrendamento, manteranse programas xa consolidados, como as subvencións ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novos incentivos, como o Bono alugueiro mozo. Así mesmo e co fin de facilitar a compra de inmobles a certos colectivos, cómpre lembrar que xa está aberto o prazo para pedir as axudas para mercar unha vivenda de promoción pública.

Por último, durante o foro lembrouse que xa está funcionando a nova Oficina de rehabilitación de vivenda para asesorar e dar a coñecer as diferentes liñas de axudas financiadas con fondos europeos. Tamén está dispoñible para descarga a guía informativa da Xunta sobre os programas para rehabilitación enerxética no eido residencial.