A Xunta trasládalle ao Concello de Vigo as principais conclusións do seu informe urbanístico sobre o borrador do PXOM | Observatorio de Vivenda

A Xunta trasládalle ao Concello de Vigo as principais conclusións do seu informe urbanístico sobre o borrador do PXOM

A Xunta trasládalle ao Concello de Vigo as principais conclusións do seu informe urbanístico sobre o borrador do PXOM

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) vén de emitir o informe no que analiza desde un punto de vista urbanístico o contido do borrador do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.

Así, en canto ao informe autonómico en materia de urbanismo, céntrase, en liñas xerais, en aspectos técnicos do borrador que deberán ser revisados, como a información achegada respecto das redes de servizos existentes nos ámbitos cualificados como solo urbano, a adaptación plena do seu contido á Lei do Solo en canto á clasificación e categorización do solo rústico, ou a articulación de determinados aspectos relativos aos espazos costeiros do municipio ao modelo territorial do Plan de Ordenación do Litoral (POL).

Coa emisión do informe da DXOTU, a Xunta de Galicia continúa axilizando, dentro das súas competencias, a tramitación do novo planeamento de Vigo, despois de que o Concello lle remitira pouco antes do verán o Documento Inicial Estratéxico e o borrador do PXOM para que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puidera iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Así, será o Concello de Vigo o que nos próximos meses deberá aprobar inicialmente o novo planeamento e sometelo a información pública.

No caso concreto de Vigo, a Xunta traballou desde o primeiro momento para dar unha solución á situación urbanística da cidade olívica. Desde entón, defendeu que a única solución definitiva á situación urbanística de Vigo era a aprobación dun novo plan xeral e con ese obxectivo tendeu a man ao consistorio vigués, impulsando outro convenio de colaboración para redactar o novo plan (o segundo, xa que a Administración autonómica xa contribuíra á redacción do PXOM anulado por unha sentencia do ano 2015).

Fonte | Xunta de Galicia